Blogia
karkeixa

Semellante

Semellante Igual en dereitos e obrigas a calquera, diferente no que ó sentemento e ás ideas se refire.

Así é en teoría.
Pero miro o redor, e descubro canta xente non se da conta de que ó mesmo tempo que ela é parte do sistema e está suxeito as súas normas, dito sistema perténcelle a ela.

E é que apréndennos as cousas con reviravoltas, para que non acabemos de comprendelas na súa xusta medida, e por poñer uns exemplos, non nos ensinan que a comunidade e un grupo de individuos, que a historia unha suma de historias paralelas,que un sindicato debe representar a tódolos seus traballadores,que as economías son resultado do tempo de esforzo de homes e mulleres,que un parlamento o elixen milleiros de votantes, que as relixións son persoas cunha fé en común.....

Pola contra fálannos de xefes, de líderes, de políticos, de macroeconomía,de globalización, de empresarios , de representantes, e enchen a boca de baleiro para que así pareza que somos moi pequenos e non temos valor, porque non interesa que sepamos cal é o noso poder, cales as nosas liberdades, canta é a nosa forza, nin canto dependen de nós.

Saben que ter conciencia da propia identidade danos os motivos para loitar e defender os nosos dereitos, para manter a nosa dignidade e tomar as nosas determinacións.
Contrólannos, coñecen moi ben, que manténdonos na ignorancia, non lles pediremos responsabilidades nin conta dos seus actos, e iso permitelles vendernos coma favor aquelo que é a súa obriga, e que esquezamos que a fin, eles só son os nosos representantes.

E imos calando, unhas veces por impotencia, outras por aborrecemento, outras por descoñecemento, pero temos que ser conscientes, que eles son a voz do que nós decidimos, o cal non é unha carta en branco para decidir por nós.
Pero así funciona dende sempre,e continuará mentres nós non lle poñamos remedio e acordemos uns e outros que o que eles calan:
O povo é quen máis ordea.
Ben alto.

0 comentarios