2002_Outro Prestige aínda é posíbel_2006
Catro anos despois
OUTRO PRESTIGE AÍNDA É POSÍBEL
Evitémolo
Pola seguridade do noso mar
Catro anos despois...
... Segue existindo un alto risco no tránsito marítimo
xa que cada día circulan fronte ás costas galegas uns 35 buques con mercadorías perigosas. Algúns barcos presentan características similares ás que tiña o petroleiro Prestige' cando afundiu, en 2002, tras verter ao mar unhas 63.000 toneladas de fuel.
Nin os diferentes Gobernos autónomos, nin o Goberno do Estado, quen ten as máximas competencias neste eido, estableceron aínda medidas de carácter preventivo e medios de protección que estean, cando menos, ao mesmo nivel que o risco real dunha nova catástrofe.
Tampouco as medidas lexistativas e os medios que dependen das institucións europeas son, na actualidade, garantía para que non volva acontecer un accidente marítimo de similares consecuencias ás do Prestige'.
...Galiza non posúe un Plan de Continxencias propio
no que se integren todos os medios dispoñíbeis e todos os protocolos de actuación. Aínda que a actual Administración leva anunciando a súa próxima posta en marcha, a realidade é que isto non se produciu.
...Seguen sen determinarse os "Lugares Refuxio" e os Centros de Almacenamento
coa suficiente dotación de medios técnicos e humanos, de plans de actuación acaídos e convenientemente espallados pola costa galega.
... A Escaseza de medios é evidente:
Carecemos de buques anti-contaminación con capacidade de almacenamento suficiente e dun número de remolcadores coa necesaria potencia de tiro para facer fronte a este tipo de sinistros no mar. Cando se vai construír o buque anti-contaminación prometido, de 3000 m 3 de capacidade de almacenamento e situar nas costas galegas? Cando se desprazará para Galiza o buque da Axencia Europea que hoxe está en Brest?
Tampouco abonda co número actual de helicópteros, dadas as circunstancias en que se produce a súa actuación.
Non existe un servizo de salvamento marítimo, de carácter público, que poida garantir a eficacia perante as innúmeras situacións de risco que existen no litoral galego ao longo do ano.
... Non se controla eficazmente o Dispositivo de Separación de Tráfico de Fisterra.
nin se detectan os sentinazos nin se controla eficazmente o tráfico perigoso que circula con total impunidade. Precísanse medios marítimos, aéreos e de control satelitario. O moderno avión prometido para a costa galaico-cantábrica é un avance, mais non é dabondo.
... Continúa a deterioración do noso medio mariño
A recuperación do medio mariño, tanto polo valor ambiental como polo valor económico que representa para sectores estratéxicos da economía galega, precisa dun firme compromiso social e institucional.
O sector pesqueiro-marisqueiro, o máis directamente afectado por este feito, ten que ser obxecto dun apoio real e sostido por parte das Administracións.
... Permanece a débeda histórica do Estado
quen non atendeu á súa obriga de protexer o litoral galego nin se responsabilizou das consecuencias dos numerosos accidentes acontecidos.
Catro anos despois OUTRO PRESTIGE AÍNDA É POSÍBEL.
É obriga da sociedade galega lembrar que unha catástrofe marítima e medioambiental aínda é posíbel. É obriga da sociedade galega reclamar que non suceda NUNCA MÁIS.
Manifestación nacional día 12 de novembro ás 12 h. desde a Alameda de Santiago
0 comentarios